14/7/09

HISTORIA DO GAP -


Antecedentes ...

Os veciños propoñen ao bipartito instituir
o Valedor da Cidadanía.

O borrador de regulamento de Participación recolle
ese cargo, que poderá «investigar» condutas municipais.

Autor:
Xosé V. Gago


A creación da figura do Defensor da Cidadanía é a principal achega das asociacións veciñais ao borrador do Regulamento de Participación Cidadá.
O documento foi ratificado o mércores polo GAP (Grupo de Análise e Propostas), entidade creada a instancias da Concellería de Participación, dirixida polo edil Javier Galán, na que están representadas máis de 30 asociacións e que durante os últimos catro meses xestou a proposta que se presentará aos grupos políticos, e que xa pode consultarse íntegra na web do Concello (http://www.ferrol.es/).

O defensor, unha figura similar á existente en concellos como Selecta, Málaga ou Parla, será elixido polo pleno por un período de ata cinco anos, será veciño de Ferrol e a súa misión consistirá en asesorar, mediar e intervir nas relacións entre os cidadáns e a administración local de Ferrol.

O defensor poderá investigar «actos ou condutas municipáis» que afecten a persoas ou grupos cidadáns, dirixir recomendacións e recordar deberes ao persoal cidadán e os seus superiores para «corrixir actos inxustos» ou lograr melloras nos servizos municipais, emitir informes a petición do pleno local e divulgar os resultados das súas investigacións e o informe anual sobre o funcionamento da institución.

O borrador tamén consagra a obrigación do Concello a responder aos escritos dos veciños, a posibilidade de que estes interveñan no pleno e a creación de tres órganos, aos que hai que sumar os xa existentes consellos sectoriáis.

Tres novos organismos
O primeiro novo organismo son as asembleas de barrio, que se reunirán catro veces ao ano, estarán presididas por un membro do goberno local e a elas poderán acudir todos os veciños maiores de 16 anos do barrio ao que se circunscriban.
Servirán para elaborar propostas, informar ao goberno das necesidades de cada zona e debater o destino dos orzamentos participativos.

O segundo organismo son os foros cívicos, que debaterán asuntos relacionados con máis dunha concellería e redactarán informes e propostas sobre a materia á que estean dedicados e fiscalizarán o seu cumprimento. Estarán formados por representantes das concellerías e asociacións veciñais afectadas polo tema do foro.

Para rematar, o Consello da Veciñanza estará formado por representantes de todos os partidos, as asembleas de barrio e os consellos sectoriais. Estará presidido polo alcalde.
A entidade coordinará aos demais organismos, presentará propostas ao Concello e elixirá unha comisión de control que velará polo cumprimento do regulamento de Participación.

A normativa tamén consagra a iniciativa popular. Os veciños poderán presentar propostas ao pleno, previo paso pola Secretaría Xeral do Concello, se van asinadas por polo menos do 10% da poboación empadroada con máis de 16 anos, unhas 6.700 persoas.
As propostas serán expostas un mes ao público e votadas no pleno.
Se son aprobadas, o goberno deberá especificar os prazos e a partida económica para polas en marcha.
La Voz de Galicia.-


No hay comentarios:

Publicar un comentario