30/7/09

XUNTANZA E DOCUMENTO DA COMISIÓN.-

A comisión veciñal esixe a Irisarri máis

medios para aplicar o novo regulamento


As entidades reuníronse o pasado martes para consensuar

o escrito que onte presentaron por rexistro



J. MEIS REDACCIÓN > FERROL

Os representantes veciñais do Grupo de Análise e Propostas (GAP), que elaboraron o novo Regulamento de Participación Cidadá, reclaman ao alcalde que o impulse, e piden que se lles teña en conta para levar a cabo a experiencia piloto en marcha dos orzamentos participativos.


As relacións entre o GAP, agora denominado Comisión de Control Cidadá Provisional tras a aprobación en pleno este mesmo mes do documento que rexe as relacións entre o Concello e a veciñanza, e a Concellaría de Participación Cidadá non atravesan un bo momento.

A semana pasada, estes representantes veciñais abandonaron unha reunión co edil responsable da área, Manuel Santiago, e tras reunirse o pasado martes sen a súa presenza consensuaron un escrito dirixido ao alcalde, Vicente Irisarri, que onte entregaron no rexistro do palacio municipal.

No mesmo, expresan o seu malestar pola falta de rigor na aplicación do verdadeiro significado da participación cidadá, demandando máis recursos para cumprir co novo regulamento.

Así, piden a Irisarri que dote de máis persoal cualificado á oficina de Participación cidadá e que abra unha nova de atención á cidadanía.

Tamén esixen que comecen as xestións oportunas para pon pór en marcha o Valedor da Cidadanía, un dos novos órganos que se prevén no regulamento, así como que se celebren xornadas formativas para os políticos, funcionarios e cidadáns.

Esta comisión provisional de control indica, así mesmo, que os procesos de participación cidadá deben convocarse cando concorra calquera nova ordenanza de ámbito social, como é o caso da de limpeza ou na campaña de turismo para este verán e o plan Urban.

Ao mesmo tempo, esixen a apertura inmediata do prazo de solicitudes de subvencións deste ano-2009 para as actividades das entidades veciñais, aínda pendente.

As queixas inclúen á experiencia piloto dos orzamentos participativos á que o Concello dedicará este ano 350.000 euros e que se aplicará en Doniños, San Xurxo, Catabois, Santa Mariña e San Xoán.

O antigo GAP quere formar parte do grupo motor, formado por asociacións, veciños e comerciantes destes barrios, que se encargará de impulsar o proceso.

Para o concelleiro Manuel Santiago, o protagonismo correspóndelle agora a estes veciños, e o GAP debe estar nun segundo plano, pero desde o Concello seguirase contando con eles, explicou.

Comisión de Control Provisional.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario