20/7/09

ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS - GRUPO MOTOR


Un grupo motor impulsará no verán

os orzamentos participativos


L. POLO DAVID RUIBAL GARCÍA > FERROL
O que diferencia aos Orzamentos Participativos de Ferrol doutras experiencias similares é que os veciños poden formular proxectos relacionados con calquera das áreas do Concello: Obras, Benestar, Cultura... Ademais, estes serán prioritarios entre as actuacións do Concello.

A posta en marcha dos orzamentos participativos seguirá dando pasos durante o verán co obxectivo de que entre setembro e outubro salgan as primeiras propostas de actuación nos cinco barrios que se beneficiarán desta experiencia piloto: Doniños, San Xurxo, San Pablo de Catabois, Santa Mariña e San Xoán.

Unha iniciativa á que se dedican este ano 350.000 euros, ampliables ata os dous millóns en 2010, e que terminará en decembro coa aprobación nun pleno extraordinario dos proxectos veciñais.

Ata entón, desde o Concello leva a cabo un traballo previo de formación con dúas vertentes: unha centrada nos veciños, e a outra nos técnicos e administrativos municipais. Dentro da primeira, na última semana de xuño realizouse unha charla informativa por barrio; e constituír o denominado Grupo Motor.

Este novo espazo creado para facilitar a tramitación das iniciativas cidadás está composto por 25 persoas, entre cidadáns e representantes do movemento asociativo, que se encargarán de dinamizar o proceso nos barrios. Tamén elaborará o regulamento de Orzamentos Participativos, ferramenta que marcará as pautas á hora de tomar as decisións.

Trátase dunha norma que, entre outras cuestións, determinará quen ten dereito a participar no proceso -só os empadroados nestes barrios ou tamén os de segunda residencia e os comerciantes...-, onde poderán os veciños presentar as súas propostas -no local social, no centro escolar...

O outro ámbito de actuación nesta primeira fase do proceso atópase na administración, coa creación da oficina técnica, integrada por sete membros de todas as áreas municipais.
Encargarase de analizar a viabilidade técnica, xurídica e económica das propostas que fagan os veciños, e para que estas non coincidan coas incluídas nos orzamentos ordinarios xa prepara de face a setembro unha recompilación de proxectos de investimento, servizos e actividades xa previstas polo Concello nos barrios seleccionados para o proceso.

Asembleas .-

O traballo desta oficina e do grupo motor será fundamental na preparación das asembleas veciñais das que sairán á volta do verán as primeiras propostas.

Haberá unha para as parroquias rurais -Doniños e San Xurxo- e outra para a zona urbana -Catabois, Santa Mariña e San Xoán-O Bertón-; e tras as mesmas terán lugar as chamadas Mesas de Propostas, onde se ordenarán os proxectos e remitiranse á oficina técnica do Concello para que ditamine sobre a viabilidade dos mesmos.

Toda esta fase deberá estar terminada en decembro, cando nunha asemblea conxunta dos cinco barrios os veciños votarán os proxectos que a corporación municipal aprobará ese mesmo mes nunha sesión plenaria que se convocará á mantenta para iso.

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario