26/7/09

AVALIACION DAS CIDADES

Ferrol abandona a cola dos municipios

españois con menor nivel de transparencia.

DAVID RUIBAL GARCÍA > FERROL
En relación cos veciños, Ferrol saca a mellor puntuación.
A administración municipal fixo os deberes en canto a transparencia e mellorou os resultados con respecto ao ano pasado.
No ranking de 2009 sobre o Índice de Transparencia dos Concellos (ITA), que avalía aos 110 de máis poboación do país, Ferrol ascende da posición número 91 á 53, lugar que comparte con Hospitalet e Sant Boi de Llobregat, ambas as localidades pertencentes ao área metropolitana de Barcelona.
O Concello consegue unha valoración de 66,3 puntos sobre cen, moi por encima dos 25 que obtivo en 2008 e que o situaron á cola desta clasificación.
Neste segundo ano no que a organización Transparencia Internacional España elabora este informe, a urbe naval consegue situarse na metade da táboa, superando ademais en case dous puntos e medio á media xeneral española, que é de 64.
A listaxe encabézao, cun 98,8 de puntuación, o municipio catalán de Sant Cugat do Vallés e péchao o alacantino de Torrevieja, que cunha valoración de 17,5 ten a dubidosa honra de ser o Concello menos transparente de España.
Ademais da valoración global, o estudo pon nota á transparencia dos Concellos a partir de cinco áreas:
- información sobre a corporación municipal;
- as relacións cos cidadáns e a sociedade;
- a súa transparencia económica e financeira;
- contratacións de servizos;
- materia de urbanismo e obras públicas.
Soamente nas dúas primeiras Ferrol está por encima da media nacional, sendo na comunicación cos veciños, con 90 puntos, e en información sobre os concelleiros, con 82,4, onde consegue os mellores resultados. Nestes dous apartados, a valoración media é de 71,4, o que fai que Ferrol obteña a terceira mellor puntuación no que se refire ás relacións cos cidadáns e ocupe o posto número 14 da táboa, empatada con outras quince cidades: Alcalá de Henares, Bilbao, Burgos, Cartaxena, Xetafe, Sevilla e Elxe, entre outras.
En información sobre a corporación, o Concello sitúase no posto 38, xunto a Alacante, Córdoba, Cuenca, A Coruña, Xirona, Hospitalet e Huesca.
Pola contra, non supera a media de transparencia en adxudicacións de servizos, que cunha valoración de 57,1 queda a pouco máis dun punto da media do conxunto de España e no lugar número 48 da táboa clasificatoria.
Tampouco a alcanza en urbanismo, índice no que a cidade saca un 64,7 de puntuación cando a media está en 67.
O apartado de temas relacionados coa economía e financiamento é o único do informe na que a administración ferrolá suspende.
Ferrol obtén un 31,6 de valoración, fronte ao 49,1 da media xeneral, e descende ata a posición número 60 do ranking de transparencia.
Ideal Gallego.-

No hay comentarios:

Publicar un comentario